A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2016 e a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas entregarán o luns-24, na sesión inaugural do festival, a recadación solidaria e íntegra do despacho de billetes de AMAL do pasado ano a dúas familias de refuxiados sirios que desde o mes de xullo viven en Sarria (Lugo). O acto, que celebrará ás 20:30 horas ao comezo da sesión inaugural de AMAL 2016 no Auditorio ABANCA de Santiago (Rúa Preguntoiro, 23), contará coa asistencia do presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim, o director da Semana de Cinema Euroárabe AMAL, Ghaleb Jaber Martínez, o secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, que farán entrega á alcaldesa de Sarria, Pilar López e o presidente local da Cruz Vermella en Sarria, Jaime Capellá, dun talón de 3.000 euros a repartir entre as dúas familias sirias. O grupo de refuxiados, composto por catro adultos e sete nenos, foi o primeiro en chegar a Galicia procedente dun campamento de refuxiados de Acnur (Axencia da ONU para os refuxiados) no Líbano. Sarria xa participou fai viente anos nunha experiencia similiar durante o conflito de Kósovo acollendo a unha familia de tres fillos, que actualmente segue vivindo no municipio.
O director da curtametraxe "Ave María", nomeado aos Óscar, e o seu guionista estarán na apertura de AMAL A décimo cuarta edición do festival chega cargada con once películas centradas case na súa totalidade no papel da muller nas súas diversas facetas; muller loitadora, traballadora, nai na sociedade musulmá, e na sociedade europea, e dirixidas tamén na súa maioría por mulleres. Na sesión inaugural do próximo luns o público poderá ver gratuitamente a curtametraxe de ficción "Ave María" (2015), unha produción palestino-franco-alemá, de 14 minutos de duración, rodada en hebreo e árabe polo mozo director Basil Khalil, e cun guión excepcional de Daniel Yáñez, guionista de familia galega. Tras ver a curtametraxe, celebrarase un coloquio co director e o guionista para comentar o tema da cinta e como resultou a súa gravación. O curto cómico conta a historia dunhas monxas cristiás do convento das Irmás da Misericordia, situado no medio do deserto de Cisxordania, que ven a súa rutina diaria de silencio e oración interrompida cando unha familia de colonos israelís estrela o seu coche na parede do convento, minutos antes do comezo do Shabat (xornada de descanso relixiosa xudía).