top of page

Entrevista; Caspervek Trío

Coa composición da Banda Sonora de "As Aventuras do Príncipe Achmed", o trío tratou de achegar o clásico de Reiniger ao público actual tratando musicalmente a película, non como un clásico de hai 90 anos, se non como unha verdadeira película de aventuras, trepidante e chea de forza.

"As aventuras do príncipe Achmed", un conto animado alemán de 1926 de Lotte Reiniger. Segundo os expertos, é a película de animación máis antiga da historia e tamén está considerada por algundas listas cinematográfica como unha das 1.000 mellores películas da historia do cinema. A cinta relata en sesenta e cinco minutos unha emocionante historia das Mil e unha noites, chea de maxia, monstros e perigos, incorporando o conto de Aladdin e o seu amor pola irmá de Achmed, Dinarzade. O seu director e o equipo necesitaron tres anos para facer a gravación, porque por cada segundo de cinta necesitaban vinte e catro imaxes individuais.

Trátase dunha película muda, e nesta ocasión será musicalizada en directo pola agrupación instrumental viguesa Caspervek Trío, formada en 2013 por Brais González, Blas Castañer e Eduards Vecbastiks. Unha das actividades principais do trío é a composición e musicalización en directo de películas clásicas do cinema mudo dos anos 20, así como proxectos de creación audiovisual contemporánea e concertos didácticos.

Que tipo de composición creastes?

Coa composición da Banda Sonora de "As Aventuras do Príncipe Achmed" tratamos de achegar o clásico de Reiniger ao público actual tratando musicalmente a película, non como un clásico de hai 90 anos, se non como unha verdadeira película de aventuras, trepidante e chea de forza. É por iso que a nosa BSO transita entre a música épica e as músicas de raíz dos distintos lugares do mundo que se mostran na película (China, India, África Índica).

"A película rompe cos canons narrativos habituais no cinema mudo, polo que abordamos a composición desde o prisma do cinema de aventuras" Brais González.

Como é o traballo musical de crear o acompañamento para unha película animada do cinema mudo de 1926?

O principal obxectivo de Caspervek sempre foi achegar o cinema mudo ao público actual coas ferramentas que nós temos, que neste caso son musicais. Por iso cada nova película que abordamos tratámola dunha maneira moi concreta estilísticamente. "Achmed" non é unha película de animación ao uso. A maioría de técnicas que os compositores utilizamos durante a composición de cinema de animación ("mickeymousing", música sincrónica...) non teñen cabida nela. Ao mesmo tempo, "As Aventuras do Principe Achmed" rompe tamén cos canons narrativos habituais no cinema mudo, co que nós estamos afeitos traballar. É por iso que tentamos abordar a composición desde o prisma do cinema de aventuras.

"A nosa banda sonora transita entre a música épica e as músicas de raíz dos distintos lugares do mundo que se mostran na película, China, India e a África Índica" Brais González.

Que lle achega o voso fío musical á película?

Somos conscientes de que no cinema mudo, a presenza musical afecta á maneira na que o espectador recibe as imagenes. Cunha obra mestra como "Achmed" habemos simplemente tratado de acentuar as sensacións que o público pode percibir durante o visionado do filme. Tratamos de achegar tensión durante a batalla, lirismo durante as escenas románticas e en xeral achegar nexos musicais que salienten as relacións en pantalla dos protagonistas.

Reflíctese a temática árabe na música?

Por suposto. É unha das pedras angulares sobre as que se cimentou a composición da Banda Sonora. En concreto servíronnos de inspiración os cantantes Nusrat Fateh Ali Khan e Umm Kalzum e a música tradicional de Ney e de Oud. Estaredes a tocar en directo no Auditorio ABANCA de Santiago mentres o público está na súa butaca atento á cinta. Que esperades desta experiencia?

En primeiro lugar estamos tremendamente agradecidos de ter a oportunidade de colaborar e mostrar o noso traballo nun marco tan importante como o Festival AMAL. Desde o momento no que iniciamos este proxecto sabiamos que debiamos cumprir o rol de actores secundarios dentro do espectáculo e que a importancia a ía a ter sempre o compoñente cinematográfico. Cremos que no mundo do cinema con música en directo é importante que o músico acepte ese papel e non se converta nunha interferencia entre público e imaxe se non nunha axuda vehicular entre ambos. Sabemos de antemán que a xente gozará moitísimo coa película e tan só esperamos que a nosa música axude á xente para gozar, máis se cabe, desta obra mestra!.

"Desde o momento no que iniciamos este proxecto sabiamos que debiamos cumprir o rol de actores secundarios dentro do espectáculo e que a importancia a ía a ter sempre o compoñente cinematográfico. Cremos que no mundo do cinema con música en directo é importante que o músico acepte ese papel e non se converta nunha interferencia entre público e a imaxe".

Las aventuras del PrÍncipe Achmed PELICULA DE ANIMACION CON MUSICA EN DIRECTO DE CASPERVEK TRIO Venres 28 ocutubro | 22.00 h. | Auditorio Abanca Lotte Reiniger | 1926 | 65’ | Alemaña

CASPERVEK TRIO

bottom of page