O director do Amal 2017, Ghaleb Jaber Martínez, sinala que esta décimo quinta edición contou con varios miles de espectadores ao longo de toda a semana
“A espectacular asistencia de público e a confianza demostrada por parte dos directores árabes confirman a necesidade deste evento cinematográfico e consolídano como a fórmula máis efectiva para crear unha ponte de culturas, un diálogo real entre occidente e o mundo árabe destinado a crear un mundo mellor e combater o medo que nos separa”.
Jaber Martínez comenta que esta edición construíuse cunha selección de películas de gran calidade que espertou multitude de emocións nos espectadores. Sinala tamén que esta edición foi especial ao ter a honra de acoller a première en España de tres producións, Letters from Baghdad, Wajib e Cairo Jazzman. Ademais, o director destaca que o festival contou cun público transversal e moi diverso, desde persoas maiores a veciños de Santiago, novos estudantes universitarios e erasmus, ata persoas doutras culturas, moitas delas árabes. E o seguinte obxectivo, segundo Jaber Martínez, será seguir expandindo Amal en ruta por Galicia e mesmo traspasar as fronteiras ao resto de España e Latinoamérica.
A Fundación Araguaney-Puente de Culturas creouse en Santiago de Compostela en 1984 para provocar un achegamento cultural entre o mundo árabe, Hispanoamérica e Galicia a través do patrocinio artístico, a edición literaria, a organización de exposicións, de concertos, de coloquios e doutras actividades culturais de diversa índole. En concreto, o festival de cinema Amal, que significa esperanza en árabe, naceu en 2002 co obxecto de traer a Galicia o mellor cinema árabe.