top of page

A suculenta cociña árabe desembarca no restaurante Caney da man da Semana de Cinema Euroárabe AMAL



O restaurante Caney elaborou para a Semana de Cinema Euroárabe Amal 2019, que se celebrará do 21 ao 25 de outubro no Teatro Principal de Santiago ( rúa Nova, 21), un MENÚ DE GASTRONOMÍA ÁRABE. O seu chef, PEDRO ROCA, explica que se trata dunha proposta na que se recollen pratos da cociña de Xordania, Siria, Palestina, O Líbano e tamén do Magreb. Nesta edición, que se estenderá durante toda a semana ata o domingo 27, poderanse probar os pratos –entrantes, segundos pratos e sobremesa– de forma individual, sen necesidade de pedir un menú completo. Esta semana de cociña árabe no Caney consta dun mezze ou entrante, con distintas variedades, un segundo prato principal, ademais dunha sobremesa.


Ofrécense nove entrantes típicos da gastronomía árabe: harira, unha sopa típica da comida marroquí a base de verduras, legumes, cereais e un pouco de carne; hommos, unha crema de garavanzos con aceite de oliva e pemento; as saborosas croquetas vexetais ou falafel; un paté de berenxena coñecido como mutabbal; unha ensalada fattoush ou fatush feita con pan pita, herbas e produtos da horta; follas de parra chamadas warak dawali, un prato de orixe otomá preparada con arroz, cebola, herbas, especias e carne picada; malfouf de repolo recheas de carne e arroz; labneh ou bolitas de queixo de iogur con higos; e Kibeeh, unha especie de croqueta de carne picada de cordeiro con bulgur e especias con forma de balón de fútbol americano, unha preparación que se pode atopar en todo Medio Oriente, aínda que se considera tradicionalmente o prato nacional do Líbano e Siria.


Como segundo prato, o Caney ofrece oito opcións, un guiso de bamia, unha a froita dunha árbore de orixe africana; o prato principal e nacional de Xordania, o mansaf, un guiso de cordeiro sazonado con herbas aromáticas, cociñado lentamente nun caldo con iogur seco ( Jameed) e servido cunha guarnición de arroz, améndoas e piñóns; cuscús de cordeiro; un tajin de rape; maklube, un prato de arroz e outros ingredientes cuxo orixe é a cociña palestina e turca; a pastela de pito tradicional da cociña marroquí; mussakhan, coñecido como o prato por excelencia da cociña palestina preparado con carne de pito (ou galiña), coa especia sumac, e un pan plano denominado taboun; e cabaciñas recheas ou betinjan wa kousa mehshi. E de sobremesa, os comensais poderán elixir entre kinafa, un doce de orixe palestina a base de trigo fiado e relado, e bañado en pasas, noces e crema, e os típicos pastelitos árabes.


PROGRAMACIÓN AMAL 2019


Durante a semana, proxectaranse noves películas – 5 documentais e 4 longametraxes de ficción–, que segundo Jaber Martínez achegarán ao público de Compostela e do resto de Galicia unha proposta chea de diversidade cinematográfica, que este ano presenta cintas de “gran calidade que sorprenderán aos espectadores”, moitas delas estreas en España. A sesión inaugural de AMAL 19 será o luns 21, ás 20:00 horas –entrada gratuíta–, co documental “A guerra empeza aquí”, dirixida polo director bilbaíno Joseba Sanz. O 13 de marzo de 2017, Ignacio Robles, bombeiro de Bizkaia, negouse a participar nun operativo de seguridade no porto de Bilbao. A manobra tiña como obxectivo o envío de toneladas de armamento fabricado en Euskadi a Arabia Saudita. Tras ver o documental, o patrón da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH), Jesús Núñez Villaverde, ofrecerá unha conferencia titulada “Supermercado de armas: negocio e poder”.


O resto da semana contará con dous pases diarios, un ás 20:00 horas e outro ás 22:00 horas, cun custo de tres euros por entrada que se poderán adquirir o mesmo día da proxección na billetera do Teatro Principal de 18:00 a 22:00 horas ou na páxina de venda online de ABANCA. As outras películas de AMAL 19 son: “ Sky and Ground” (Martes-22, ás 20:00 horas); “ Look at me” (Martes-22, ás 22:00 horas); “ Yomeddine” (Mércores-23, ás 20:00 horas); “ Hamada” (Mércores-23, ás 22:00 horas); “ Soufra” (Xoves-24, ás 20:00 horas); “ Mafak” (Xoves-24, ás 22:00 horas); “Renault 12” (Venres-25, ás 20:00 horas); e “ Capharnaüm” (Venres-25, ás 22:00 horas).



AMAL, 17 ANOS FACENDO COMPOSTELA CONTIGO.








bottom of page