AMAL 2022 pecha mañá a súa vixésima edición coa proxección da película “You resemble me” sobre os conflitos identitarios na pel dunha moza nos suburbios de París .
A cita será ás 21 horas no Teatro Principal, con entradas á venda en Ataquilla.com ou unha hora antes da proxección no despacho de billetes do teatro .
A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2022 chega mañá sábado ao seu fin coa proxección da película “You resemble me”, dirixida por Dina Amer, directora, produtora e xornalista estadounidense de orixe exipcia. Poderase ver en versión orixinal con subtítulos en castelán a partir das 21:00 horas no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21).
Dúas irmás viven nos suburbios de París, e ante situacións problemáticas, sempre atopan refuxio na compañía mutua. Finalmente, a policía e os servizos sociais sepáranas para afastalas do seu contexto, e atopar un futuro familiar. O ton da película varía cando empezamos a descubrir que decisións toma Hasna Aït Boulahcen para atopar a súa identidade.

A cinta conta a historia desta nova criada nos suburbios de París cunha vida marcada polos abusos, a pobreza e a marxinación, unha espiral de autodestrución que acabaría desembocando nun dos episodios máis dolorosos da historia recente de Francia.
Dina Amer é directora, produtora e xornalista. Naceu e creceu en Estados Unidos pero a súa familia é orixinaria de Exipto. Os seus primeiros pasos foron da man de medios como The New York Times, CNN e VICE. Anos máis tarde cambiaría a pluma pola cámara para acabar rodando a película “You Resemble Me”, estreada no 78º Festival Internacional de Cinema de Venecia.
Comments