Amal 2024 chega a súa cuarta xornada con “To a Land Unknown”, película que narra o plan de dous curmáns palestinos para saír de Atenas e conseguir unha vida mellor en Alemaña.
- AMAL24
- 23 oct 2024
- 2 Min. de lectura

A cinta, dirixida polo cineasta palestino Mahdi Fleifel, poderase ver mañá xoves ás 21 horas no Teatro Principal de Santiago
As entradas están á venda en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do teatro, unha hora antes da sesión
A Semana de Cine Euroárabe AMAL 2024 continuará mañá xoves coa cuarta proxección da semana. Ás 21:00 horas poderase ver no Teatro Principal a película “To a Land Unknown”, dirixida por Mahdi Fleifel, cineasta palestino que reside en Londres.
Sinopse:
Chatila e Reda, de orixe palestina, son dous curmáns que remataron vivindo nos suburbios de Atenas buscando unha vida mellor. No intento de aforrar diñeiro para pagar os pasaportes falsos e mudar a Alemaña, Chatila trama un plan extremo que consiste en facerse pasar por traficantes e tomar reféns no esforzo por saír dunha contorna sen esperanza antes de que sexa demasiado tarde. Tráiler

O director | Mahdi Fleifel
Mahdi Fleifel é un cineasta palestino que reside en Londres. Naceu en Dubai, creceu no campo de refuxiados de Ain El-Helweh (O Líbano) e nas aforas de Elsinore (Dinamarca). Graduouse na Escola Nacional Británica de Cinema e Televisión en 2009. O seu coñecido documental, “A World Not Ours” percorreu o gran circuíto de festivais e obtivo numerosos premios, entre eles o Premio da Paz da Berlinale, o de Mellor película en Edimburgo e o Gran Premio en Yamagata.
Amal 2024 celébrase do 21 ao 25 de outubro no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21) coa exhibición de cinco cintas –catro longametraxes de ficción e un documental– que se poderán ver nun pase único por día de luns a venres. Trala proxección do xoves, a semana de cine finalizará o venres, ás 21:00 horas, coa longametraxe “The Old Oak”.
Menú Amal 2024
Como é habitual, o restaurante Caney organizará a Semana Gastronómica de AMAL, do 21 ao 26 de outubro, onde se ofrecerá un menú árabe deseñado por Pedro Roca, chef do restaurante coñecido polo seu gusto pola gastronomía intercultural e que aportará á proposta o seu toque persoal, pero sempre conservando as características e propiedades da auténtica cociña árabe.
Comentários