top of page

Este luns comeza Amal cun coloquio sobre a situación actual entre Palestina e Israel





O codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria, Jesús Núñez, e a directora adxunta do diario Público, Esther Rebollo, analizarán as raíces da contenda, a estratexia bélica e a crise humanitaria


A asistencia é gratuíta, previa retirada de invitación en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do teatro, unha hora antes da sesión


A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2023 dará comezo o vindeiro luns 23 cunha charla inaugural titulada “Palestina e Israel: ninguén está a salvo”, ás 21:00 horas no Teatro Principal de Santiago. No coloquio intervirán o patrón da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH), o economista Jesús Núñez Villaverde, e a xornalista e directora adxunta do diario Público, Esther Rebollo. A asistencia é gratuíta, previa retirada de invitación en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes da sesión.


Os relatores repasarán as raíces históricas e socioeconómicas que alimentan esta contenda de Oriente Medio, así como os seus últimos acontecementos, a estratexia bélica, o estado da información e a desinformación e, finalmente, a crise humanitaria e as consecuencias para a poboación. “A guerra en Palestina non empezou o pasado 7 de outubro” –indica Núñez–. O economista explica que desde hai anos Israel converteu Gaza en “a maior prisión do planeta ao aire libre”, desatendendo as súas obrigacións como potencia ocupante e castigando colectivamente á poboación alí encerrada en contra do dereito internacional.


Igualmente, Núñez sinala que Hamás e o resto dos grupos implicados na “condenable operación realizada en territorio de Israel”, cometeron unha clara violación do dereito internacional. “A súa acción non axuda á causa palestina e só realimenta un ciclo de acción e reacción violenta que en ningún caso vai servir para mellorar o nivel de benestar e seguridade da poboación palestina nin para alcanzar o soño de contar cun Estado propio. A violencia que Israel está a aplicar agora mesmo contra Gaza e a súa poboación constitúe unha nova violación do dereito internacional que debe ser condenada sen paliativos” –manifesta–.


Jesús Núñez é experto en relacións internacionais, seguridade internacional, construción da paz e prevención de conflitos violentos e mundo árabe-musulmán. É Economista pola Universidade Autónoma de Madrid e militar retirado. Tamén é profesor de Relacións Internacionais na Universidade Pontificia de Comillas, así como codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH), membro do International Institute for Strategic Studies, vogal do Comité español da UNRWA e patrón da Fundación Araguaney.


Esther Rebollo é licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e Máster en Asuntos Internacionais pola Universidade Externado de Colombia. Actualmente é directora adxunta de publico.es. Entre outros acontecementos informativos, cubriu o tsunami asiático de 2004, terremotos e outros desastres naturais, terrorismo islámico en Indonesia e Filipinas, golpes de estado, conflitos armados en Filipinas, Indonesia e Colombia, procesos de paz, e cumes de Estado e Goberno. Ademais, entrevistou a presidentes e altas personalidades de todos os continentes. A súa última cobertura foi en Iraq, con motivo do 20 aniversario da invasión e a caída de Sadam Husein.














Комментарии


bottom of page