top of page

AMAL 2019 pon fin mañá á súa décimo séptima edición coa estrea en Galicia do documental “Renault 12”



Con xénero road movie, o director e protagonista Mohamed El Khatib emprende unha viaxe en coche para descubrir as súas orixes e documentar paisaxes sociais, políticos e culturais de Marrocos.


Na primeira proxección das 20:00 horas, os espectadores de AMAL poderán descubrir o documental “Renault 12”, unha coprodución de Francia, Bélxica e Marrocos dirixida por Mohamed El Khatib en 2018.



SINOPSE “Renault 12”


Ao pouco tempo da morte da súa nai, o dramaturgo e director de teatro Mohamed El Khatib recibe unha chamada do seu tío desde Bab Berred, o pobo da familia nas montañas do Rif, en Marrocos, indicándolle que vaia canto antes para recibir a súa herdanza, e insistindo en que faga a viaxe nun Renault 12. El Khatib decide ir desde Orléans a Tánxer. Coa mesma estrutura que unha road movie, “Renault 12” tamén é o intento por parte do director de descubrir as súas orixes, documentar encontros inesperados e poñer en escena situacións para alumar paisaxes sociais, políticos e culturais.

DIRECTOR Mohamed El Khatib


Naceu en Francia. De pequeno apuntaba maneiras no fútbol pero unha lesión de xemelgo afastouno de formar parte do centro de adestramento do PSG. Tras acabar os seus estudos comeza a traballar en teatro como dramaturgo e director de numerosas obras.



Último pase de AMAL 2019, “Capharnaüm” Para a segunda sesión do día, ás 22:00 horas, o Teatro Principal proxectará “Capharnaüm”, unha longametraxe de ficción de coprodución líbano-francesa dirixida pola actriz e directora libanesa Nadine Labaki en 2018. A película conta a historia de Zain, un neno de doce anos intelixente e valente, que sobrevive aos perigos das rúas da súa cidade grazas ao seu enxeño. Fuxindo dos seus pais, e facendo valer os seus dereitos, recorre á xustiza para demandalos polo “crime” de darlle a vida.

DIRECTORA Nadine Labaki


Actriz e directora de cinema libanesa. Nadine é actualmente un dos maiores referentes do cinema árabe contemporáneo e destacou tamén na súa faceta como directora de anuncios e videoclips. “Capharnaüm” foi nomeada en 2018 como mellor película de fala non inglesa nos Óscar, Globos de Ouro, BAFTA, Critics Choice Awards, Asociación de Críticos de Chicago, British Independent Film Awards e Premios César, e recibiu o premio do xurado no Festival de Cannes.


AMAL. 17 ANOS FACENDO COMPOSTELA CONTIGO.




bottom of page