top of page

O restaurante Caney celebrará a semana da cociña árabe do 23 ao 28 de outubro



O menú inclúe entrantes, pratos principais e sobremesas tradicionais das cociñas de Palestina, Xordania, Líbano, Exipto, Turquía ou Marrocos.


O restaurante Caney ofrece un menú de gastronomía árabe con motivo da Semana de Cinema Euroárabe Amal 2023, que se celebrará do 23 ao 28 de outubro no Teatro Principal de Santiago. Trátase dunha proposta que engloba pratos tradicionais das cociñas de Palestina, Xordania, Líbano, Exipto, Turquía ou Marrocos. Os amantes da gastronomía árabe e aquelas persoas interesadas en descubrir os seus pratos poden achegarse a próxima semana, de luns a sábado, ao restaurante do Ensanche para probar un exquisito menú árabe, no que se presentan oito entrantes ou mezzes variados, e unha proposta de segundos pratos e dúas sobremesas, que se poderán degustar de forma individual, sen necesidade de pedir un menú completo.


O menú árabe Amal presenta entrantes típicos da cociña árabe: harira, sopa tradicional do Magreb de carne, legumes, verduras e pasta con guarnición de dátiles; hommos, puré de garavanzos con pasta tahine (de sésamo) e pan pita; as croquetas vexetais de garavanzos, perexil, coandro chamadas falafel; fatayer ou fitiir, un dos mezzes máis famosos da cociña de Medio Oriente, unhas empanadillas recheas de espinacas, carne ou queixo; follas de parra, warak dawali, un prato de orixe otomá preparada con arroz, cebola, herbas, especias e carne picada; baba ganoush, crema fría elaborada a base de berenxenas asadas ao carbón e crema de sésamo; labneh ou bolitas de queixo de iogur con higos e mel, típico de Oriente Medio; e malfuf mahshi, uns ricos enrolados de repolo con carne e arroz e demais ingredientes tradicionais da cociña exipcia.


Como segundo prato, o Caney ofrece sete opcións: un guiso de bamia, a modo de estofado de cordeiro e okra con guarnición de arroz; kibeh, unha popular receita sirio-libanesa que teñen forma de balón de fútbol americano e poderíase dicir que é un frito tipo croqueta de sémola e cordeiro recheas de tenreira e piñóns con salsa de iogur e cogombros; o mansaf, unha especialidade beduina considerado o prato nacional da cociña xordana, que consiste nun guiso de cordeiro sazonado con herbas aromáticas, cociñado lentamente nun caldo de Jameed (queixo curado de iogur) e arroz basmati; maklube, un prato de arroz e outros ingredientes como a berenxena, froitos secos e a granada, cuxo orixe é a cociña palestina e turca; pastela, un sopapo de pasta brick rechea de pito e améndoas; mussakhan, unha receita de orixe palestina, popular e tradicional, na que se degusta pito asado con sumac, cebola e piñóns, un prato ideal para reunións familiares e eventos onde o primordial é compartir un bo prato; e cuscús de tenreira, con sémola de trigo, verduras confeitadas, pasas e améndoas.


E de sobremesa, os comensais poderán elixir entre baklawa, termo de orixe turca ou persa co que se designa a unha variedade de pequenos doces recheos preparados con follas moi finas de pasta de pilo e enfornadas con froitos secos en caldo de azucre; e kinafa, unha torta de queixo, con pasta kataif e pistachos.












Comments


bottom of page