



O Concerto Solidario AMAL X GAZA III EDICIÓN está encadrado dentro da programación da Semana de Cinema Euroárabe Amal 2026 e ten como obxectivo principal recadar fondos para apoiar á Axencia de Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA). A Fundación Araguaney – Puente de Culturas impulsa, novamente, esta iniciativa para mostrar o seu compromiso coa poboación palestina, e contribuír á resposta humanitaria nun contexto marcado pola emerxencia e a destrución de infraestruturas básicas en Gaza.
Esta actividade consolidouse como un dos eventos solidarios máis relevantes da programación cultural en Santiago, tanto pola súa capacidade de convocatoria como pola implicación de artistas comprometidos coa defensa dos dereitos humanos. Nesta terceira edición contará coa participación de The Rapants, unha das bandas máis destacadas do panorama musical galego actual; Laura Lamontagne, referente da nova creación musical en Galicia; Caamaño&Ameixeiras, dúo recoñecido pola súa renovación da música de raíz; e Xoán Fórneas, artista multidisciplinar que combina música, interpretación e creación escénica nunha proposta innovadora e contemporánea.
A presenza destes artistas reflicte unha vez máis a solidariedade da sociedade galega coa causa palestina e o compromiso da cultura como ferramenta de sensibilización e transformación social. Todos os beneficios obtidos a través deste concerto serán destinados integramente á UNRWA, organización encargada de prestar asistencia humanitaria esencial á poboación palestina.
