top of page

A película “Entre as figueiras”, dirixida pola tunisiana Erige Sehiri, será a cinta de mañá de AMAL


A cita será ás 21 horas no Teatro Principal de Santiago, con entradas á venda en Ataquilla.com ou unha hora antes da proxección no despacho de billetes do teatro A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2023 continúa mañá mércores, 25 de outubro, coa proxección da súa segunda película, “Entre as figueiras”, ás 21:00 horas no Teatro Principal de Santiago (Rúa Nova, 21). O público poderá ver esta coprodución de ficción, dirixida por Erige Sehiri en versión orixinal con subtítulos en castelán.


Sinopse:

No noroeste de Tunisia, Sana, Fidé, Melek e Abdou traballan recollendo figos. Baixo o testemuño das árbores e co sol abrasador como pano de fondo, desenvolven novos sentimentos, discuten, coquetean e intentan entenderse. A horta convértese así nun teatro de emocións no que se representan os soños e as esperanzas de cada un deles.


A directora Erige Sehiri

Erige Sehiri unha cineasta de orixe franco – tunisiana. No ano 2019 funda Henia Productions, unha produtora que realiza documentais de autor para distribuílos posteriormente no circuíto de festivais. A súa primeira película de ficción, ”Entre las higueras” (2021), gañou numerosos premios no Festival de Cine de Venecia.


A semana de cinema, organizada pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas, celébrase entre os días 23 e 28 de outubro. As películas proxectaranse do martes 24 ao sábado 28 no Teatro Principal e proxectaranse cinco cintas –catro películas de ficción e un documental– que se poderán ver nun pase único por día ás 21:00 horas. As entradas teñen un custo de tres euros (+ gastos de xestión) e están xa á venda en Ataquilla.com. Tamén as entradas restantes poderanse adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes de cada proxección.


Programación e menú árabe

A semana cinematográfica continuará o xoves 26 coa película “The Sage”; o venres 27 co documental “Little Palestine, Diary of a Siege”; e o sábado 28 coa ficción “O caftán azul”; todas elas ás 21 horas. Como é habitual, o restaurante Caney organiza a Semana Gastronómica de AMAL, ata o sábado 28, onde se ofrece aos comensais unha proposta que engloba pratos tradicionais das cociñas de Palestina, Xordania, Líbano, Exipto, Turquía ou Marrocos. Os amantes da gastronomía árabe e aquelas persoas interesadas en descubrir os seus pratos poden achegarse a próxima semana, de luns a sábado, ao restaurante do Ensanche para probar un exquisito menú árabe, no que se presentan oito entrantes ou mezzes variados, e unha proposta de segundos pratos e dúas sobremesas, que se poderán degustar de forma individual, sen necesidade de pedir un menú completo (Información e reservas no restaurante Caney: 981 559 603).










bottom of page