top of page

A Semana de Cine Euroárabe AMAL 2026 celebrarase do 26 ao 30 de outubro no Teatro Principal de Santiago con cinco proxeccións baixo o lema ‘EXISTIR É RESISTIR’

hace 5 días
5 min de lectura

Actualizado: hace 5 horas



A XXIV edición de AMAL estará dedicada ao cinema palestino e á identidade cultural e a memoria, reivindicando a cultura como ferramenta de resistencia fronte á violencia e ao esquecemento


O festival inaugurarase o luns 26 de outubro coa longametraxe de ficción The Voice of Hind Rajab, de Kaouther Ben Hania, nominada a ‘Mellor Película’ nos Premios Óscar, e contará coa presenza do actor protagonista, Motaz Malhees


Haberá un pase único diario, coas entradas á venda en Ataquilla.com ou unha hora antes de cada sesión no despacho de billetes do teatro, agás a primeira xornada que será de balde


→ Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026


A Semana de Cine A Fundación Araguaney-Puente de Culturas presentou hoxe a XXIV edición da Semana de Cine Euroárabe AMAL 2026, que se celebrará do 26 ao 30 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O acto contou coa participación do presidente da Fundación Araguaney e director de AMAL, Ghaleb Jaber Martínez, e da concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao.


Ghaleb Jaber Martínez agradeceu a colaboración do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia nesta nova edición de AMAL, destacando o seu apoio ininterrompido durante estes 24 anos para manter un espazo que achega o cinema árabe contemporáneo á cidadanía compostelá e favorece o diálogo entre culturas.


Esta nova entrega de AMAL estará dedicada integramente a palestina e xirará arredor da identidade e a memoria colectiva. Baixo o lema ‘EXISTIR É RESISTIR’, o festival reivindica a creación artística como unha forma de preservar a identidade, transmitir a memoria histórica e manter viva a capacidade de creación dunha sociedade marcada por décadas de ocupación e violencia.


A programación de AMAL 2026 reunirá no Teatro Principal cinco proxeccións, catro longametraxes de ficción e un documental, que percorren a memoria, a historia e a vida cotiá palestina: The Voice of Hind Rajab (Kaouther Ben Hania), Todos somos Gaza (Hernán Zin), Palestine 36 (Annemarie Jacir), Once Upon a Time in Gaza (irmáns Nasser) e All That’s Left of You (Cherien Dabis). O luns contaremos coa visita do actor Motaz Malhees (protagonista de The Voice of Hind Rajab) e o mércores coa do actor Karim Anaya (protagonista de Palestine 36), quen participarán en coloquios presenciais co público tras as proxeccións nun espazo directo de diálogo e reflexión na capital galega.


A intención é amosar Palestina non unicamente como unha realidade atravesada pola guerra, senón tamén como unha sociedade viva, cunha ampla riqueza cultural e capacidade para imaxinar e crear.


O director do festival puxo de manifesto a determinación da creación audiovisual palestina:


«Queremos volver a reflexar desde a Fundación a realidade que vivimos e que se resume no noso lema: ‘Existir é Resistir’. Pese á situación que se vive en Palestina e ao intento de borrar toda unha identidade, séguese facendo un cinema extraordinario. O cinema é parte dunha resistencia cultural da que formamos parte desde o festival para seguir trasladando a nosa mensaxe e a nosa loita».


Na súa intervención, Ghaleb Jaber Martínez fixo especial fincapé no proceso de madurez que viviu o cinema palestino e na necesidade de romper visións reducionistas sobre a sociedade árabe:


«Os creadores e creadoras non están acadando premios nos festivais internacionais por pena, senón por méritos propios e por ter un discurso cinematográfico propio e con identidade. É moi relevante ver como as mulleres directoras son un actor fundamental que rompe cos estereotipos habituais. Demóstrase que hai unha capacidade intelectual e de creación que non se pode borrar».


Así mesmo, defendeu a capacidade da cultura para desmontar discursos de enfrontamento e conectar á cidadanía:


«Ese prexuízo de que estamos nun túnel sen saída ou nunha liña de enfrontamento de culturas é de cartón pluma; créase de xeito artificial. A realidade é que na vida cotiá, cando nos coñecemos de preto, ese medo non existe porque os problemas reais son comúns para todos. Mentres os pilares sigan firmes, a Fundación Araguaney seguirá aí para construír pontes».


Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Míriam Louzao, revalidou o compromiso institucional co festival e coa difusión da cultura como dereito:


«AMAL leva 24 anos conectando realidades que moitas veces nos chegan a través de imaxes fragmentadas, axudando a humanizar a complexidade do mundo. Preservar a memoria, contar as historias propias e defender a lingua e a cultura son tamén formas de resistencia, unha reflexión que conecta directamente coa sensibilidade galega. Este festival fai que Compostela sexa unha cidade aberta ao mundo, solidaria e espazo de diálogo crítico».



@Pruden asina a nova identidade visual de AMAL 2026


@Pruden é o proxecto creativo de Anxo Varela e Lúa Lomo, dous artistas galegos que traballan entre a ilustración, a tatuaxe e o deseño gráfico.


A súa linguaxe visual combina tradición e contemporaneidade, desenvolvendo unha obra recoñecible que transcendeu o ámbito da tatuaxe para colaborar con institucións e marcas como Le Monde, Netflix ou as Tendas Museo da Bauhaus de Dessau, entre outras.


A súa capacidade para crear imaxes cunha identidade propia, conectadas cos códigos visuais actuais e cunha forte presenza nas redes sociais, convérteos nunha proposta especialmente interesante para contribuír á renovación visual de AMAL e achegar o festival a novos públicos.


Cinco proxeccións para achegarse á realidade palestina



AMAL 2026 celebrarase do 26 ao 30 de outubro no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21), cunha programación de cinco proxeccións, catro longametraxes de ficción e un documental, que se proxectarán nun pase único diario, de luns a venres. A xornada inaugural, o luns 26 de outubro ás 20.00 horas, estará protagonizada por The Voice of Hind Rajab, da directora Kaouther Ben Hania, unha longametraxe de ficción que reconstrúe a chamada de emerxencia dunha nena palestina de seis anos atrapada nun coche baixo o fogo en Gaza. A sesión contará coa presenza do actor protagonista, Motaz Malhees, para participar nun coloquio co público.


O martes 27 de outubro, ás 21.00 horas, será a quenda do documental Todos somos Gaza, de Hernán Zin, que documenta cronoloxicamente a violencia exercida contra a poboación civil palestina desde o 7 de outubro de 2023.


O mércores 28 de outubro, tamén ás 21.00 horas, proxectarase Palestine 36, da directora Annemarie Jacir, unha película que traslada o espectador á Palestina de 1936, durante a revolta contra o dominio británico. A sesión contará coa presenza do actor protagonista, Karim Anaya.


O xoves 29 de outubro, ás 21.00 horas, chegará Once Upon a Time in Gaza, dos irmáns palestinos Tarzan Nasser e Arab Nasser, unha ficción ambientada en Gaza en 2007 que combina a vida cotiá, o humor e a crítica social.


Finalmente, o venres 30 de outubro, ás 21.00 horas, o festival pecharase con All That’s Left of You, da directora Cherien Dabis, unha longametraxe que percorre a historia de tres xeracións dunha familia palestina desde 1948 ata a actualidade.


As entradas de martes a venres teñen un custo de tres euros (+ gastos de xestión) e están á venda en Ataquilla.com (https://entradas.ataquilla.com) Tamén as entradas restantes poderanse adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes de cada proxección.




 
 
 

Comentarios


Info
Ataquilla.png
  • White Facebook Icon
  • White Twitter Icon
Logo Filmin

Semana de Cine Euro-Árabe Amal

Email: arte@araguaney.com | Tel: +34 981-559-612

¡Tus datos se enviaron con éxito!

bottom of page