top of page

Hoxe luns estreamos AMAL 21 coa premiere en España do documental Gods of Molenbeek.



A cinta fala do distrito Molenbeek de Bruxelas, coñecido por ser un dos epicentros do xihadismo europeo, a través da mirada duns nenos.


A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2021 inaugurarase hoxe luns, 25 de outubro, ás 21:00 horas no Teatro Principal de Santiago ( rúa Nova, 21). O público poderá ver na primeira xornada do festival unha ‘ premiere’ en España, a longametraxe documental “God sof Molenbeek” ( Aatos ja Amine), dirixido pola finlandesa Reetta Huhtanen en 2019, con subtítulos en castelán. A proxección trata sobre o distrito de Molenbeek, en Bruxelas, que ten fama de ser un dos epicentros do xihadismo europeo. Pero para Aatos e a súa amiga Amine, é simplemente o seu fogar familiar. Xuntos buscan respostas ás grandes preguntas da vida, pero a brutalidade do mundo adulto irrompe cando os terroristas detonan unha bomba no barrio.


Reetta Huhtanen é graduada na LO Film School de Finlandia, estudou realización de documentais, ademais de licenciarse en Socioloxía e Filosofía. As súas películas, "The Coffee Break", sobre tres eternos estudantes, e " Economic Forecast", sobre o opaco universo da economía, proxectáronse en numerosos festivais internacionais. “Gods of Molenbeek” é a súa primeira longametraxe documental.


Poderase ver ás 21 horas no Teatro Principal de Santiago, con entradas á venda en Ataquilla.com ou unha hora antes da proxección no despacho de billetes do Teatro Principal.



A semana de cinema, organizada pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas, celebrarase entre os días 25 e 29 de outubro. Esta edición rende homenaxe aos dezanove anos de historia do festival, sintetizados unicamente en tres palabras, "orgullo, legado e cultura”. Proxectaranse cinco cintas –tres películas de ficción e dous documentais– que se poderán ver nun pase único por día ás 21:00 horas. As entradas terán un custo de tres euros (+ gastos de xestión) e estarán á venda en Ataquilla.com. Tamén as entradas restantes poderanse adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes de cada proxección.


Programación e menú árabe


A semana cinematográfica continuará o martes 26 coa película “Gaza mon amour”; o mércores 27 co documental “Lift like a girl”, premiere en España; o xoves 28 coa ficción “You will die at 20" ( Satamoto Fel Eshreen), premiere en Galicia; e o venres 29 finalizará coa película “200 metros " (200 METERS), premiere en España; todas elas ás 21 horas.


Para garantir todas as medidas necesarias de hixiene, protección, aforo (actualmente ao 90%) e acceso á sala, estableceuse un estrito protocolo polo que se recomenda comprar as entradas de forma anticipada no despacho de billetes en liña, usar sempre máscara e xel hidroalcohólico para asistir ao festival, manter a distancia de seguridade, asistir á proxección con antelación, utilizar o asento asignado e entrar e saír de forma ordenada para evitar aglomeracións. Ademais, en caso de non atoparse ben de saúde recoméndase non asistir á función.


Como é habitual, o restaurante Caney organizará a Semana Gastronómica de AMAL, do 25 ao 30 de outubro, onde se ofrecerá aos comensais un menú árabe deseñado por Pedro Roca, chef do restaurante coñecido polo seu gusto pola gastronomía intercultural e que achegará á proposta o seu toque persoal, pero conservando as características e propiedades da auténtica cociña árabe.




bottom of page