AMAL 2026 proxectará mañá mércores «Palestine 36», filme de Annemarie Jacir sobre a rebelión palestina contra o dominio británico
A película, ambientada en 1936, retrata as tensións e os conflitos que marcaron Palestina durante o levantamento contra o mandato británico
As entradas están dispoñibles en www.ataquilla.com, ou no despacho de billetes do teatro, unha hora antes da sesión
→ Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2026
A Semana de Cine Euroárabe AMAL 2026 proseguirá mañá mércores coa terceira proxección da semana. Ás 21.00 horas poderase ver no Teatro Principal Palestine 36 (2025), da directora palestina Annemarie Jacir, un filme ambientado en 1936 que retrata a rebelión contra o dominio británico e as tensións que sacudiron a rexión. A través da historia de Yusuf, que se move entre o seu fogar rural e a axitación de Xerusalén, a película aborda un período decisivo da historia palestina. A sesión contará coa presenza do actor protagonista, Karim Anaya, que participará nun coloquio co público.
► Mércores, 28 de outubro. 21.00 h – Teatro Principal, Compostela
Palestine 36 (FIC)
Coloquio co actor protagonista Karim Anaya.
Annemarie Jacir | 2025 | Palestina | 119’
1936. Mentres Palestina se rebela contra o dominio británico, Yusuf móvese entre o seu fogar rural e a axitación de Xerusalén, soñando cun futuro en paz. Pero a chegada de xudeus que foxen do antisemitismo europeo e o prolongado levantamento palestino precipitan a rexión cara a unha colisión inevitable.
Directora | Annemarie Jacir
Annemarie Jacir (Belén 1975) é unha directora, guionista e produtora palestina, considerada unha das figuras centrais do cinema palestino contemporáneo. A súa obra aborda temas como o exilio, a identidade e a memoria histórica a través de filmes recoñecidos internacionalmente como Salt of This Sea (2008), When I Saw You (2012) e Wajib (2017). O seu traballo convértea nunha voz clave na difusión internacional da cultura palestina.
Asistirá á proxección o actor protagonista, Karim Anaya, para participar nun coloquio co público.
@Jesús Prieto
Foto Jesús Prieto
AMAL 2026 está a celebrarse entre o 26 e o 30 de outubro no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21), coa exhibición de cinco películas, catro longametraxes de ficción e un documental, que se poderán ver nun pase único por día, de luns a venres. Trala xornada inaugural do luns, coa proxección de The Voice of Hind Rajab, de Kaouther Ben Hania, e a participación do seu protagonista, o actor palestino Motaz Malhees, a semana continuará con sesións ás 21:00 horas. O martes proxectarase o documental Todos somos Gaza, de Hernán Zin; o mércores será a quenda de Palestine 36, de Annemarie Jacir, sesión que contará coa presenza do actor protagonista, Karim Anaya; o xoves proxectarase Once Upon a Time in Gaza, dos cineastas palestinos Tarzan Nasser e Arab Nasser; e, finalmente, o venres pecharase o festival con All That’s Left of You, de Cherien Dabis.
Cociña árabe
Como é habitual, o Restaurante Caney, situado no Hotel Eurostars Araguaney, organizará a Semana Gastronómica de AMAL, que este ano se celebrará do 26 ao 31 de outubro, incluíndo tamén o sábado para facilitar que un maior número de persoas poida degustar a proposta gastronómica.
O menú árabe estará deseñado por Pedro Roca, chef do restaurante, coñecido polo seu gusto pola gastronomía intercultural. A proposta achegará o seu toque persoal, conservando as características e propiedades da auténtica cociña árabe.

Comentarios