top of page

AMAL 2026 proxectará mañá xoves «Once Upon a Time in Gaza», filme dos irmáns Tarzan e Arab Nasser sobre a vida cotiá na Franxa de Gaza

hace 2 días
2 min de lectura

A película, ambientada en Gaza en 2007, segue a dous amigos que comezan a vender drogas mentres reparten faláfel e deben enfrontarse a un policía corrupto.


As entradas están dispoñibles en www.ataquilla.com, ou no despacho de billetes do teatro, unha hora antes da sesión


→ Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2026


A Semana de Cine Euroárabe AMAL 2026 proseguirá mañá xoves coa proxección de Once Upon a Time in Gaza (2025), dos cineastas palestinos Tarzan Nasser e Arab Nasser. Ambientada en Gaza en 2007, a película conta a historia de Yahya, un mozo estudante que traballa con Osama, o dono dun restaurante, na venda de drogas mentres reparten bocadillos de faláfel. A súa actividade levaraos a enfrontarse a un policía corrupto nun relato que combina o realismo social coa mirada crítica sobre a vida cotiá na Franxa de Gaza.


► Xoves, 29 de outubro. 21.00 h – Teatro Principal, Compostela


Once Upon a Time in Gaza» (FIC)

Tarzan Nasser e Arab Nasser | 2025 | Palestina | 87’ 


Gaza, 2007. Yahya, un mozo estudante, traba amizade con Osama, o carismático dono dun restaurante e home de gran corazón. Xuntos comezan a vender drogas mentres reparten bocadillos de faláfel, pero axiña se ven obrigados a enfrontarse a un policía corrupto e ao seu enorme ego. 


 



Directores | Tarzan Nasser e Arab Nasser

Os irmás Nasser, son dous cineastas palestinos xemelgos nados en Gaza no 1988. Formáronse en gran medida de maneira autodidacta nun contexto marcado polo bloqueo. O seu cinema caracterízase polo realismo social e por unha mirada crítica sobre a vida cotiá en Gaza e acadou recoñecemento internacional con títulos como Gaza mon amour (2020) e Once Upon a Time in Gaza (2025).




AMAL 2026 está a celebrarse entre o 26 e o 30 de outubro no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21), coa exhibición de cinco películas, catro longametraxes de ficción e un documental, que se poderán ver nun pase único por día, de luns a venres. Trala xornada inaugural do luns, coa proxección de The Voice of Hind Rajab, de Kaouther Ben Hania, e a participación do seu protagonista, o actor palestino Motaz Malhees, a semana continuará con sesións ás 21:00 horas. O martes proxectarase o documental Todos somos Gaza, de Hernán Zin; o mércores será a quenda de Palestine 36, de Annemarie Jacir, sesión que contará coa presenza do actor protagonista, Karim Anaya; o xoves proxectarase Once Upon a Time in Gaza, dos cineastas palestinos Tarzan Nasser e Arab Nasser; e, finalmente, o venres pecharase o festival con All That’s Left of You, de Cherien Dabis.


Cociña árabe

Como é habitual, o Restaurante Caney, situado no Hotel Eurostars Araguaney, organizará a Semana Gastronómica de AMAL, que este ano se celebrará do 26 ao 31 de outubro, incluíndo tamén o sábado para facilitar que un maior número de persoas poida degustar a proposta gastronómica.


O menú árabe estará deseñado por Pedro Roca, chef do restaurante, coñecido polo seu gusto pola gastronomía intercultural. A proposta achegará o seu toque persoal, conservando as características e propiedades da auténtica cociña árabe.






 
 
 

Comentarios


Info
Ataquilla.png
  • White Facebook Icon
  • White Twitter Icon
Logo Filmin

Semana de Cine Euro-Árabe Amal

Email: arte@araguaney.com | Tel: +34 981-559-612

¡Tus datos se enviaron con éxito!

bottom of page