top of page

Amal chega a Compostela, do 24 al 29 de outubro no Teatro Principal

O luns 24 será a xornada inaugural cunha charla, en clave de humor, entre o cómico e tiktoker Pablo Meixe e o economista e militar (retirado) Jesús Núñez Villaverde, que repasarán os acontecementos máis relevantes do mundo árabe nestas últimas dúas décadas


A actriz e activista Hajar Brown e a xornalista e escritora santiaguesa Leila Nachawati serán as relatoras do coloquio “Típico, tópico e utópico: A muller árabe contemporánea” (luns 17, 20:30 horas no hotel Eurostars Araguaney), moderado pola xornalista Ana Pardo de Beira


A Fundación Araguaney-Puente de Culturas presentou hoxe a vixésima edición da Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2022 no hotel Eurostars Araguaney de Santiago. No acto interviñeron o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e director da Semana de Cinema Euroárabe AMAL, Ghaleb Jaber Martínez; o director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; e a concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello de Santiago, Mercedes Rosón.


A semana de cinema celebrarase entre os días 24 e 29 de outubro no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21). Proxectaranse cinco cintas –tres películas de ficción e dous documentais– que se poderán ver nun pase único por día de luns a sábado ás 21:00 horas. As entradas terán un custo de tres euros (+ gastos de xestión) e estarán á venda en Ataquilla.com. Tamén as entradas restantes poderanse adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes de cada proxección. A primeira sesión de cinema de AMAL 2022 será o martes 25, coa longametraxe de ficción “1982”; o mércores 26 o documental “The Captains of Zaatari”; o xoves 27 a película “Farha”; o venres 28 o documental “Mayor”; e o sábado 29 a ficción “You resemble me”.


No seu 20 aniversario, Ghaleb Jaber Martínez destacou que AMAL é a iniciativa cultural cinematográfica “máis importante e máis lonxeva do audiovisual sobre o mundo árabe”, que chegou a Santiago como a cita da “reivindicación social, a tolerancia e a concordia dos pobos”. Sinalou que, co paso dos anos, foise consolidando como un referente e fidelizou espectadores de todas as idades, xerando un debate “crítico e actual” sobre o mundo árabe e a súa achega á cultura universal. Con Compostela como centro, Jaber Martínez asegurou que a cidade é única para o cinema, xa que moitos directores asómbranse ao ver as salas cheas de xente.


“Outubro de 2022 é unha data moi especial porque marca dúas décadas de andaina de Amal, un tempo no que este certame foi crecendo en compromiso social e converteuse nun altofalante de persoas que necesitan ser oídas e de historias que necesitan ser contadas. Todas merecen estar na nosa memoria. Todas teñen cabida no lugar común da nosa civilización: a tolerancia” –explicou Jaber Martínez–.


Así, apuntou tamén que Amal volve ser, un ano máis, a gran ponte cultural entre Oriente e Occidente a través de documentais e películas comprometidos co que de verdade importa, “o respecto á dignidade humana, algo que nesta edición visibilizamos con temáticas sobre a muller e a infancia”. #20anosderrubandoprexuízos


Coa iluminación de AMAL xa nas rúas da cidade, Mercedes Rosón sinalou como o cinema euroárabe representa algo que vai máis aló dos territorios, e que nesta vixésima edición chega cunha variada oferta de cinema que vén para “enriquecer a oferta cultural de Compostela tralo incansable traballo da Fundación Araguaney-Puente de Culturas”.


Pola súa banda, Anxo Lorenzo felicitou á Fundación polos vinte anos de AMAL indicando “o difícil que é manter a programación ano tras ano” que xa alcanzou maior dimensión co festival circulando por diferentes zonas de Galicia con AMAL en Ruta. “AMAL ofrece unha programación audiovisual da cultura árabe, á que é moi difícil de acceder xa que non está nos circuítos comerciais nin en moitas plataformas” –manifestou–.


"Watermelon Flag" de khaled Hourani, reduto da liberdade artística para os palestinos


Sobre a imaxe de AMAL 2022, o presidente da Fundación explicou a súa historia que xurdiu tras a Guerra dos Seis Días de 1967 cando Israel prohibiu o uso da bandeira palestina en Gaza e Cisxordania. A prohibición tamén se estendeu ás obras dos pintores e, de 1980 a 1993, o goberno israelí prohibiu aos artistas palestinos debuxar a bandeira palestina nas súas obras. Por iso, os artistas e pintores palestinos recorreron á sandía (coas cores principais da bandeira palestina) ata que os sionistas prohibírona despois da primeira Intifada en 1987.


“A arte ás veces pode ser máis político que a política”, dixo ao Washington Post Khaled Hourani, un artista contemporáneo palestino que vive en Ramallah, en Cisxordania, cuxa imaxe ilustra o cartel da Semana de Cinema Euroárabe AMAL 22.





Jaber Martínez lembrou que, o ano pasado, algúns activistas palestinos utilizaron emojis de sandía como unha alternativa visual á bandeira palestina e como unha estrataxema para evadir os algoritmos de censura sionistas e as prohibicións virtuais de Facebook.


Charla inaugural de AMAL: “O mundo árabe para dummies”


A semana de cinema de Amal abrirase este ano coa charla inaugural “O mundo árabe para dummies”, o luns, 24 de outubro, ás 21 horas no Teatro Principal, a cargo do cómico Pablo Meixe e o economista e militar retirado Jesús Núñez Villaverde. A entrada será gratuíta e de libre acceso ata completar o aforo do teatro. Poderanse solicitar as entradas en Ataquilla.com e, se non se esgotan, no despacho de billetes do Teatro Principal unha hora antes do inicio do evento (máximo dúas invitacións por persoa). Durante a charla, en clave de humor, os relatores repasarán os acontecementos máis relevantes do mundo árabe nestas últimas dúas décadas.


Pablo Meixe é un cómico, mimo e clown galego que saltou á fama polas súas acertadas parodias en TikTok sobre situacións cotiás e de crítica social. Aínda que é un dos tiktokers máis queridos do país, a súa carreira como humorista comezou moito antes de que aparecese esta rede social, cunha longa traxectoria en teatro e en distintos programas de Televisión de Galicia, como Os aspirantes ou Bamboleo. O sarcasmo e a expresión corporal é o que máis o caracteriza, algo que, sen dúbida, faille gañar o afecto e a confianza do público, empatizando con todos aqueles que acoden a ver o seu espectáculo.


Jesús Núñez Villaverde é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade Autónoma de Madrid, tamén profesor de Relacións Internacionais na Universidade Pontificia de Comillas. É experto en relacións internacionais, seguridade internacional, construción da paz e prevención de conflitos violentos no mundo árabe-musulmán. É presidente de UNRWA en España (Axencia da ONU para refuxiados palestinos), codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH), así como membro do International Institute for Strategic Studies, e patrón da Fundación Araguaney-Puente de Culturas.







bottom of page