Mañá xoves en Amal “Notes on Displacement” documental do palestino Khaled Jarrar. Ghaleb Jaber Ibrahim, asistirá á proxección e comentará a cinta co público, ademais de afondar na súa propia historia
- webmaster0618

- 21 oct
- 2 Min. de lectura

A partir dunha familia que atravesa a ruta dos Balcáns, o director palestino Khaled Jarrar somérxese no terror do exilio nunha necesidade desesperada por recuperar os seus recordos perdidos
As entradas están á venda en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do teatro, unha hora antes da sesión
A Semana de Cine Euroárabe AMAL 2025 continúa mañá xoves coa cuarta proxección da semana. Ás 21:00 horas poderase ver no Teatro Principal o documental “Notes on Displacement” do director palestino Khaled Jarrar. O presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim, asistirá á proxección e comentará a cinta co público, ademais de afondar na súa propia historia vital coma refuxiado.
“Notes on Displacement” (DOC)
Khaled Jarrar | 2022 | Palestina, Alemaña, Qatar | 80’
A repetición da historia e a transmisión de traumas colectivos e individuais de xeración en xeración é o que define a identidade palestina. Nunha viaxe a través do roteiro dos Balcáns, o director Khaled Jarrar segue a unha anciá palestina desde Damasco ata Europa no que supón o seu segundo desprazamento. Camiñando de xeito conxunto con Nadira e a súa familia cara a unha utópica liberdade, Jarrar pregúntase polo significado do fogar, a pertenza e a identidade, mentres os recordos da súa infancia volven á vida tras moitos anos de silencio.

Khaled Jarrar é unha testemuña privilexiada da situación palestina, un home que tivo varias vidas, cada unha dedicada á causa do seu país. Despois de ser gardacostas de Yasser Arafat, sobrevivindo a unha ferida de bala dun francotirador, dedicouse á arte como medio para transmitir a súa voz e a da súa familia. Jarrar entrou no campo da fotografía en 2005. Graduouse na Academia Internacional de Arte-Palestina, Ramallah, en 2011, e completou un máster en Belas Artes na Universidade de Arizona en 2019. “Notes on Displacement” foi gañador do DOXA Feature Documentary Award e recibiu unha Mención Especial ao Mellor Documental de Longametraxe no Ismailia International Film Festival en 2023.
Venda de entradas en Ataquilla.com
Amal 2025 celebrarase entre o 20 e o 24 de outubro no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21) coa exhibición de cinco cintas –catro documentais e unha longametraxe de ficción– que se poderán ver nun pase único por día de luns a venres. Trala proxección do luns, a semana continuará con sesións ás 21:00 horas. O martes proxectarase o documental “Janin, Jenin”, ás 21:00 horas, sesión á que asistirá o actor palestino Saleh Bakri; o mércores a ficción “The time that remains”, ás 21:00 horas, que contará tamén coa asistencia de Saleh Bakri; o xoves o documental “Notes on displacement”, ás 21:00 horas, onde participará o presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim; e finalmente, o venres pecharase o festival co documental “The encampments”, ás 21:00 horas, cita á que asistirá o director do Festival Amal e presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez.
As entradas de martes a venres terán un custo de tres euros (+ gastos de xestión) e estarán á venta en Ataquilla.com en Ataquilla.com. Tamén as entradas restantes poderanse adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes de cada proxección.


Comentarios