top of page

Pratos de Xordania, Siria, Palestina e Magreb asolagan o menú árabe da Semana de Cinema Euroárabe

O Restaurante Caney elaborou para a Semana de Cinema Euroárabe Amal 18, que se celebrará do 22 ao 26 de outubro no Teatro Principal de Santiago ( rúa Nova, 21), un menú de gastronomía árabe.

O seu chef, Pedro Roca, explica que se trata dunha proposta na que se recollen pratos da cociña de Xordania, Siria, Palestina e tamén do Magreb. Como novidade, nesta edición poderanse probar os pratos –entrantes, segundos pratos e sobremesa– de forma individual, sen necesidade de pedir o menú completo. Esta semana de cociña árabe no Caney consta dun mezze ou entrante, con distintas variedades, un segundo prato principal, ademais dunha sobremesa. Ofrécense seis entrantes típicos da gastronomía árabe: harira, unha sopa típica da comida marroquí a base de verduras, legumes, cereais e un pouco de carne; hommos, unha crema de garavanzos con aceite de oliva e pemento; as saborosas croquetas vexetais ou falafel; un paté de berenxena coñecido como mutabbal; unha ensalada fattoush ou fatush feita con pan pita, herbas e produtos da horta; banadoura wa sumac, unha tortilla de tomate cunha especia denominada zumaque (ás veces sumac); follas de parra chamadas warak dawali, un prato de orixe otomá preparada con arroz, cebola, herbas, especias e carne picada; malfouf oh de repolo recheas de carne e arroz; e labneh ou bolitas de queixo de iogur con higos.

Como segundo prato, o Caney ofrece un guiso de bamia, unha a froita dunha árbore de orixe africana; o prato principal e nacional de Xordania, o mansaf, un guiso de cordeiro sazonado con herbas aromáticas, cociñado lentamente nun caldo con iogur seco ( Jameed) e servido cunha guarnición de arroz, améndoas e piñóns; cuscús de cordeiro; un tajin de rape; maklube, un prato de arroz e outros ingredientes cuxo orixe é a cociña palestina e turca; a pastela de pito tradicional da cociña marroquí; mussakhan, coñecido como o prato por excelencia da cociña palestina preparado con carne de pito (ou galiña), coa especia sumac, e un pan plano denominado taboun; e cabaciñas recheas ou betinjan wa kousa mehshi. E de sobremesa, os comensais poderán elixir entre un maamul de noces, un doce recheo orixinario de Siria que se realiza a partir de sémola e manteiga; namura, un biscoito tradicional da gastronomía libanesa preparado con sémola de trigo; baklava, sobremesa elaborada cunha pasta de noces trituradas, distribuída na masa fío e bañado en caldo de azucre ou jarabe de mel; e kinafa, unha sobremesa de orixe palestina a base de trigo fiado e relado, e bañado en pasas, noces e crema.

Comments


bottom of page