top of page

O conflito árabe israelí contado en clave de comedia na película do venres, “Tel Aviv on Fire"



A trama baséase nunha telenovela palestina, realizando na cinta un certo exercicio de metaficción


O cinema continúa mañá venres, 30 de outubro, en Santiago da man da Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2020 coa comedia dramática de 2018 “Tel Aviv onFire. Os espectadores poderana ver ás 19:00 horas no Teatro Principal de Santiago ( Rúa Nova, 21). Trátase dunha desenfadada visión do conflito árabe-israelí dirixida polo director palestino Sameh Zoabi.


O principal leitmotiv da cinta é a filmación dunha telenovela palestina sobre o conflito previo á guerra dos seis días. Nela o seu protagonista traballa, nun primeiro momento, como asesor dos diálogos en hebreo. Un fortuíto encontro co comandante dun posto de control levará a ambos a colaborar na elaboración dos guións da serie, que toma unha forma moi intelixente de abordar a problemática árabe israelí tomando esta telenovela como o eixo central da vida dos personaxes e os puntos de desenvolvemento da trama. Desta forma, e con certo exercicio de metaficción, faise un achegamento humano ao conflito desde unha óptica máis prol árabe pero sen deshumanizar nin anular a parte israelí.


Para garantir todas as medidas necesarias e especiais de hixiene, protección, aforo e acceso á sala, estableceuse un estrito protocolo: usar sempre máscara e xel hidroalcohólico para asistir ao festival, manter a distancia de seguridade, asistir á proxección con antelación, utilizar o asento asignado e entrar e saír de forma ordenada para evitar aglomeracións. Ademais, en caso de non atoparse ben de saúde recoméndase non asistir á función. En canto ás entradas, a organización anunciou que se esgotaron para todas as proxeccións do festival.


Sinopse "Tel Aviv on fire"


Salam vive en Xerusalén e traballa en Ramallah para a famosa telenovela palestina “Tel Aviv onFire”. Para chegar ao seu traballo debe pasar todos os días por un posto de control israelí onde acabará coñecendo ao comandante Assi, cuxa esposa é fanática da serie.



O director: Sameh Zoab


Director de cinema e guionista palestino nado en 1975 na localidade de Iskal, preto de Nazareth. O seu cinema está marcado polo conflito palestino - israelí, que aborda desde a ironía, o sarcasmo e o paradoxo de ser un palestino vivindo en territorio ocupado.

A INTOLERANCIA TAMÉN E PANDEMIA, A CULTURA A SÚA VACINA.



bottom of page