top of page

O restaurante Caney sorprende con sabores de Oriente Medio e Próximo.



Poderanse probar individualmente entrantes e segundos pratos de Oriente Medio e Próximo, creados polo seu chef Pedro Roca, do 25 ao 30 de outubro


O restaurante Caney ofrece con motivo da Semana de Cinema Euroárabe Amal 2021, que se celebrará do 25 ao 29 de outubro no Teatro Principal de Santiago, un menú de gastronomía árabe. O seu chef, Pedro Roca, explica que se trata dunha proposta na que se recollen pratos da cociña do Magreb e tamén comida tradicional de Siria, Exipto, Palestina, Líbano e Turquía. O chef convida a todos os amantes da gastronomía para achegarse a próxima semana, de luns a sábado, ao restaurante do Ensanche para probar un exquisito menú árabe, no que se presentan oito entrantes ou mezze variados, e unha proposta de segundos pratos e dúas sobremesas, que se poderán degustar de forma individual, sen necesidade de pedir un menú completo.


Descobre o Menú Amal


O menú árabe Amal presenta oito entrantes típicos da cociña árabe: harira con dátiles, un dos pratos nacionais de Marrocos a base de verduras, legumes, cereais, un pouco de carne, e por suposto, as especias, a acidez do tomate e o limón, unha sopa que se elabora tradicionalmente en Ramadán; hommos, unha crema de garavanzos con aceite de oliva e pemento; as saborosas croquetas vexetais ou falafel; baba ganoush, crema fría elaborada a base de berenxenas asadas ao carbón e crema de sésamo; o sambousek, pequenas empanadas fritas ou enfornadas cun recheo salgado que son populares en todo o Medio Oriente, sobre todo son unha especialidade para o Ramadán que normalmente presentan unha forma triangular; follas de parra, warak dawali, un prato de orixe otomá preparada con arroz, cebola, herbas, especias e carne picada; muhammara, unha crema de pemento, noces e grnada para untar que provén da cidade siria de Alepo, bastante popular en todo Oriente Próximo; e labneh ou bolitas de queixo de iogur con figos, típico de Oriente Medio.


Como segundo prato, o Caney ofrece oito opcións, un guiso de bamia, froita dunha árbore de orixe africana; malfuf mahshi, uns ricos enrolados de repolo con carne e arroz e demais ingredientes tradicionais da cociña exipcia; cuscús de tenreira, cebola confeitada e pasas; maklube, un prato de arroz e outros ingredientes cuxo orixe é a cociña palestina e turca; pastela de polo tradicional da cociña marroquí; al uzzi de follado; kebab ao carbón típico da gastronomía turca; e kibeh, unha popular receita sirio-libanesa que teñen forma de balón de fútbol americano e poderíase dicir que é un frito tipo croqueta de carne e trigo bulgur, sazonada con allo, cebola e pementa; tajín de cordeiro, guiso típico marroquí que se prepara a lume lento cos aromas do cordeiro e especias, aos que se engade ingredientes caramelizantes como cebola, mel e pasas.


E de sobremesa, os comensais poderán elixir entre kinafa, un doce de orixe palestina a base de trigo fiado e relado, e bañado en pasas, noces e crema, e os típicos Baklava "pastelitos" árabes.




bottom of page