top of page

Proxección do filme “ The Cave” na Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2020



O documental “The Cave” mostra un conmovedor retrato de coraxe, resistencia e solidariedade feminina en AMAL 2020, mañá xoves ás 19 horas no Teatro Principal de Santiago


É unha historia dura e inquebrantable da guerra de Siria nun hospital subterráneo, onde un grupo de doutoras traballa ao límite para curar ás persoas feridas



A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2020 continúa mañá xoves, 29 de outubro, coa celebración do seu festival, nesta ocasión coa terceira proxección, o documental sirio The Cave”. Os espectadores poderano ver ás 19:00 horas no Teatro Principal de Santiago ( Rúa Nova, 21).


"The Cave” (A Cova), cinta dirixida por Feras Fayya, narra a historia dura e inquebrantable da guerra de Siria nun hospital subterráneo coñecido como A Cova, onde un grupo de doutoras traballa ao límite para curar ás persoas feridas. Para os civís asediados, a esperanza e a seguridade atópanse baixo terra, dentro do hospital subterráneo onde a pediatra e médica a cargo, a Dra. Amani Ballour, e os seus colegas Samaher e a Dra. Alaa reclamaron o seu dereito para traballar como iguais xunto aos seus homólogos masculinos, facendo o seu traballo dunha maneira que sería impensable na cultura opresivamente patriarcal que existe arriba.


Seguindo ás mulleres mentres se enfrontan aos bombardeos diarios, a escaseza crónica de subministracións e a ameaza constante de ataques químicos, The Cave” mostra un conmovedor retrato de coraxe, resistencia e solidariedade feminina. O documental estivo nomeado na categoría de mellor documental longo nos Óscar 2020 e recibiu premios no Festival de Toronto ( TIFF 2019) e nos Emmy 2020.


Para garantir todas as medidas necesarias e especiais de hixiene, protección, aforo e acceso á sala, estableceuse un estrito protocolo: usar sempre máscara e xel hidroalcohólico para asistir ao festival, manter a distancia de seguridade, asistir á proxección con antelación, utilizar o asento asignado e entrar e saír de forma ordenada para evitar aglomeracións. Ademais, en caso de non atoparse ben de saúde recoméndase non asistir á función. En canto ás entradas, a organización anunciou que se esgotaron para todas as proxeccións do festival.


Sinopse "The Cave"


Nun hospital subterráneo de Ghouta (Siria), un grupo de doutoras traballa ao límite para curar ás persoas feridas mentres se teñen que enfrontar ao sexismoendémico da sociedade na que viven.



O director: Feras Fayyad


Director de cinema, produtor, escritor e director de fotografía sirio coñecido polo seu documental Last Men in Aleppo que lle valeu o recoñecemento da crítica e numerosos premios e nomeamentos, incluído o Óscar ao mellor documental, converténdoo no primeiro director sirio en ser nomeado a estes premios.

A INTOLERANCIA TAMÉN E PANDEMIA, A CULTURA A SÚA VACINA.



bottom of page