

Programación
VENRES 30 XAN, 20.00 H.
Pazo da Cultura, Carballo
THIS IS GAZA (DOC)
Tom Besley | 2025 | Reino Unido | 50‘
Cando a guerra entre Israel e Hamas destruiu o seu fogar e puxo en perigo a súa familia, o cineasta palestino gañador do premio Emmy, Yousef Hammash, buscou a súa única esperanza: unha cámara de vídeo. Esta é a súa poderosa historia.
DESCARGA AQUÍ
PROGRAMA COMPLETO
XOVES 05 FEB, 20.00 H.
Pazo da Cultura, Carballo
JANIN, JENIN (DOC)
Mohammed Bakri | 2024 | Palestina | 60'
Neste novo documental, Mohammed Bakri regresa ao campo de refuxiados de Jenin máis de dúas décadas despois da súa obra anterior, Jenin, Jenin (2002). Na nova peza, filmada tras a ofensiva militar israelí de 2023, retoma o fío da súa experiencia previa: entrevista de novo a quen aparecera no documental orixinal e recolle novos testemuños directos sobre a ocupación, a destrución e a resistencia persistente.
XOVES 12 FEB, 20.00 H.
Pazo da Cultura, Carballo
THE TIME THAT REMAINS (FIC)
Elia Suleiman | 2009 | Palestina, Francia | 109’
Ao longo de catro episodios que abranguen desde 1948 ata a actualidade, unha familia palestina vive entre a creación do Estado de Israel e a memoria herdada. Elia Suleiman mestura humor silencioso, ironía e surrealismo para retratar as paradoxas cotiás da vida baixo a ocupación. Fragmentos da súa propia historia familiar emerxen como testemuños íntimos.
XOVES 19 FEB, 20.00 H
Pazo da Cultura, Carballo
NOTES ON DISPLACEMENT (FIC)
Khaled Jarrar | 2022 | Palestina, Alemaña, Qatar | 80’
Khaled Jarrar segue a unha anciá palestina no seu desprazamento dende Damasco a Europa pola ruta dos Balcáns. Acompañando a Nadira e á súa familia, o director vincula a súa propia memoria de infancia coa transmisión de traumas colectivos, preguntándose polo sentido do fogar, a pertenza e a identidade.
XOVES 26 FEB, 20.00 H.
Pazo da Cultura, Carballo
THE ENCAMPMENTS (DOC)
Kei Pritsker, Michael T. Workman | 2025 | EEUU | 83’
Documental sobre as protestas estudantís solidarias con Palestina en 2024, iniciadas na Columbia University e estendidas globalmente. Mostra a represión e os campamentos, máis tamén a forza dun movemento internacional que reclama xustiza e responsabilidade institucional.

Carta do director
Non é só a destrución. Non son só as bombas. Nin sequera os corpos esnaquizados que se asoman, fugaces, aos titulares. É a fame. A fame deliberada. A fame como arma de guerra. Como método cruel e planificado de exterminio.
Miles de nenos e nenas morren en Gaza sen acceso a auga, sen alimento, sen atención médica, mentres o mundo observa, impasible ou distraído. As imaxes que nos chegan non poden transmitir a ignominia nin o horror que realmente se vive alí. Son fragmentos dun sufrimento tan inmenso que escapa á nosa comprensión.
Temos que ser quen de sentir esa dor coma se fose nosa. Coma se cada corpo ferido en Gaza fose parte do noso propio corpo. Porque só así, sentíndonos un, entendendo que formamos parte dunha mesma carne lacerada, mutilada, desmembrada, poderemos espertar en Occidente.
A dor compartida fainos humanos. Fainos iguais. E fainos comprender que o que acontece en Gaza, tamén nos está a acontecer a nós.
Desde o seu nacemento, o Festival AMAL quixo ser algo máis ca un festival de cinema. Hoxe, máis ca nunca, temos a obriga de ser unha pantalla que se rebela contra a inxustiza, a vergoña e a barbarie. A través do cinema, queremos converternos na voz atronadora que xorde da gorxa dese corpo ferido que é Palestina. Un berro contra o xenocidio que está a cometer Israel, unha e cantas veces faga falla.
Este ano, no seu 23 aniversario, AMAL segue sendo esperanza. Pero tamén é memoria, resistencia e denuncia, cunha coidada selección de películas palestinas que nos ofrecen unha ollada directa sobre a ocupación, a Nakba, a dor e a dignidade.
Todas somos Palestina.
Ghaleb Jaber Martínez.
Director da Semana de Cine Euroárabe Amal


.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpeg)
_2.jpg)